quinta-feira, 17 de maio de 2012

O cerne do problema

Día das Letras. Boa desculpa para volver a sachar un pouco nesta leira abandonada nos últimos tempos.

Leo a
Manolo Lago en LVG despotricando contra a prima de risco e os especuladores que a manexan en función dos seus intereses. Non vou ser eu quen lle quite a razón. Porque a ten.

Con todo, que onte esa prima de risco superase a liña roxa dos 500 puntos -lémbrese que cando foi o de Grecia e o de Portugal ese era o límite que marcaba a necesidade dunha intervención- , no momento en que escribo isto oscila entre os 480 e os 490, pon en evidencia que as duras medidas de axuste e de austeridade que se lle están impoñendo a España non serven para atallar as verdadeiras doenzas da nosa economía. 

O problema non é a débeda pública. O Gráfico 1, reflicte como o nivel de endebedamento en porcentaxe do PIB, é aínda hoxe, dos máis baixos da zona Euro. Como ben di Manolo Lago, os xuros que pagou España en 2011 equivalen ao 2,2% do PIB, menores incluso que os que pagou Alemaña.

Gráfico 1. Débeda pública en porcentaxe do PIB (2011)

Os verdadeiros males están na débeda privada e nas entidades financeiras. É sintomático que a última escalada na prima de risco coincidise coa nacionalización de Bankia. Si, o mesmo sistema financeiro que Rodríguez Zapatero poñía como exemplo de solvencia a nivel mundial e que, polo tanto, hai catro anos, cando o resto do mundo se afanaba en sanear as súas entidades financeiras, pensabamos que as nosas non precisaban de ningunha intervención. 

E agora, tarde, mal e arrastras, tócanos facer o que non se ten feito no seu momento. O novo plan de saneamento do sistema financeiro que está deseñando o goberno de España pretende cubrir os riscos implícitos nos 300.000 millóns de euros en créditos vinculados ao sector promotor. Trátase de dotar 25.000 millóns de euros, dos que exceptuando os que lles corresponde poñer a Banco de Santander e BBVA, con capacidade ambos para facer fronte a esas esixencias, o resto terá que saír das contas públicas, ben en forma de préstamos -máis FROB-, ben pola vía da nacionalización.

Pero, como apunta hoxe Albino Prada, tamén en LVG, a exposición ao ladrillo das nosas entidades financeiras non se deriva só do crédito promotor. É moito máis importante o volume de crédito hipotecario concedido ás familias para compra de vivenda. Máis de 600.000 millóns de euros.

Cunha taxa de paro do 24,5 % e subindo -as previsións indican que se superará amplamente o 25% en 2013- é inevitable que a taxa de morosidade se dispare. En febreiro deste ano, estaba xa no 8,16 %, nos mesmos niveis que en 1994. Cun problema engadido, moi difícil de cuantificar: a morosidade oculta detrás do refinanciamento que os bancos conceden aos morosos coa esperanza de que a situación económica mellore e poidan facer fronte ao pago das débedas. Si isto non ocorre, e parece que a curto prazo non ocorrerá, a morosidade acabará aflorando de maneira exponencial. Este risco, non provisionado, e o que se reflicte na escalada da prima de risco. Non é baladí que o Banco Central Europeo destinase, en marzo deste ano, o 70% do seu crédito total ao conxunto da eurozona, 263.000 millóns de euros, á banca española.

Este é o verdadeiro cerne do problema. O peor é que, lonxe de atopar solucións, aproveitase para desmantelar o imperfecto sistema de equidade e xustiza social que se tiña construído nos últimos cincuenta anos.

2 comentários:

  1. E algo máis sobre o miolo deste cerne: a débeda privada está apancada nuns activos que non valen nin a metade do valor sobre os que se prestou esa débeda (estremo este sobre o que ten unha gran responsabilidade, diría que criminal, os dirixentes bancarios). Se a isto engadimos a situación da economía real, a produtiva, que está a vivir unha recuada depresiva histórica, debida en parte a ese apancamento e á caída de ingresos tributarios,, só cabe pensar nun escenario totalmente desastroso se, desde a banca pública, o emisor, non se toman medidas anticíclicas. Conclusión: recortes si, pero non así nin aí, e recadación fiscal progresiva, sobre todo sobre as rendas altas e as do capital para a creación de novos tecidos produtivos que impulsen a dinámica comercial.

    ResponderExcluir
  2. Non podo estar máis de acordo Anónimo.
    Saúde,

    ResponderExcluir

No faiado