sábado, 28 de julho de 2012

Preguntas que seguen sen resposta sobre a fusión de Caixa Galicia e Caixanova

 

Asáñase a prensa galega, é certo que uns máis que outros, con Fernández Gayoso a raíz da súa comparecencia no Congreso polo asunto da fusión das caixas de aforros. Eu só vexo unha estratexia defensiva, ao ditado do que lle escribiron os seus avogados, para evitar responsabilidades penais. Actitude un tanto patética nun home que ten mandado tanto, pero sen dúbida humana. Lonxe de disparar contra ninguén, limitouse a intentar esquivar as balas que puideran tirarlle. O único dato relevante que aportou é que el non coñecía o contido da famosa auditoría de KPMG que foi o argumento decisivo para apoiar a viabilidade da fusión. 

Á vista dos resultados, semella que a estratexia seguida por Fernández Gayoso tivo bastante éxito, pois a grande recriminación que se lle fai é que alardeou diante da comisión parlamentaria de que el non se levou un can, ocultando o importe da súa pensión de xubilación (parece que 689.000 euros anuais). Como os asuntos que teñen que ver con presuntas malversacións ou apropiacións indebidas teñen que aclararse nos xulgados, ese requiebro evitando falar da pensión, parece pouco relevante nese foro. En todo caso, os xuíces teñen que clarificar tamén as cantidades cobradas por José Luís Méndez, García de Paredes, o empresario Añón, etc.

Bastante máis xogo deu, dende o punto de vista do esclarecemento do proceso de fusión, a intervención de Fernández Ordóñez, anterior gobernador do Banco de España. Declarou que "as comunidades autónomas, con voz nas operacións das caixas, puxérono aínda máis difícil. Aí nace a fusión das dúas entidades de aforro galegas, forzada pola Xunta coa súa negativa a respaldar calquera outro movemento". Xustifica a aprobación do matrimonio de Caixa Galicia con Caixanova porque a alternativa era aínda peor dada a postura do presidente autonómico, Núñez Feijóo. A ameaza pública do presidente da Xunta incluía a súa determinación a vetar calquera operación SIP, ata o punto de levar ao Tribunal Constitucional a normativa que deixaba ao goberno de Galicia á marxe das fusións frías. A solución, lembrou Fernández Ordóñez, foi darlle unha oportunidade ao plan rigoroso que se impuxo para intentar salvar a fusión intragalega. O que tiña planeado o anterior goberno era a venda tanto de Novacaixagalicia como de Catalunyacaixa. "O que hai que facer é subastalas", rexeitando tamén así a estratexia de Castellano, presidente de Novagalicia Banco, que reclama agora 6.000 millóns de euros adicionais de fondos públicos. "Non ao que se equivocou, síntoo moito, pero non se lle pode dar diñeiro. Habería que darllo a quen se quede coas entidades, a quen demostre que sabe facer ben as cousas".

Despois destas declaracións, a comisión de investigación que parece, por fin, se vai constituír no Parlamento de Galicia, ten que centrarse en analizar as claves políticas do asunto e non as responsabilidades penais dos directivos implicados. Para isto último xa está a fiscalía. Debería dar resposta a moitas das preguntas, estritamente políticas, que reiteradamente temos formulado neste blog (
Para qué ten que servir a comisión de investigación das caixas de aforros; Novagalicia Banco: escenarios de futuro; Certificado de defunción (Galiza quere... saber); Galiza quere... saber (2):

1. Qué argumentos sustentaban a actuación do goberno galego para forzar a fusión de Caixa Galicia e Caixanova.

2. Cál foi a actuación, e con qué obxectivos, de cada unha das tres forzas parlamentarias, en todo este asunto.

3. Qué obxectivos se perseguían con aquela non nata lei de caixas de Galicia da que xa ninguén se lembra.

4. Cál foi o procedemento de contratación da famosa auditoría de KPMG que "garantía" o éxito da fusión, e que se utilizou como argumento político fundamental para obrigar a Caixanova a aceptar o proceso de fusión con Caixa Galicia.

5. Cál era a situación patrimonial real e a solvencia de cada unha das dúas caixas, antes da fusión.

6. Cál foi a implicación real da Consellería de Facenda, e por extensión do goberno de Galicia, en todo o proceso de negociación da fusión. Todos lembramos aquel famoso documento no que o pe de firma do presidente Núñez Feijóo aparecía escrito á man.

7. Qué tipo de negociación se estableceu, de ser o caso, entre o goberno de Galicia e o Banco de España.

8. Quén tomou a decisión, e con qué criterios, de poñer ao Sr. Castellano á fronte de Novagalicia Banco.

9. Ata qué punto o goberno de Galicia tivo información de primeira man en relación á negociación do FROB con Novagalicia Banco.

10. En qué medida o goberno de Galicia foi consultado, ou informado, da valoración patrimonial que o Banco de España fixo Novacaixagalicia, en función do que algo que tiña unha valoración contable de 1.714 millóns de euros, pasou a valer 181 millóns de euros.

11. Cál foi a verdadeira responsabilidade política do goberno Galego no evidente fracaso da fusión das dúas caixas de aforros.

Agardamos con sumo interese as respostas dos protagonistas principais en toda esta historia.

Um comentário:

No faiado